Monday 20 de May de 2024

Os expertos defenden na EGAP os cambios no código penal para evitar a corrupción no eido público


Destacados penalistas salientaron a elevación das penas de inhabilitación ou a incorporación de novas medidas contra o financiamento ilegal dos partidos

A Escola Galega de Administración Pública acolleu a inauguración do curso monográfico ‘Medidas para previr a comisión de delitos no ámbito administrativo’, que organizará este organismo durante tres xornadas.

Durante o curso trataranse, entre outros temas de actualidade, a malversación de fondos públicos, o tráfico de influencias, a corrupción, a fraude, o suborno e a prevaricación. Ademais, analizaranse as novidades máis importantes da recente reforma da Lei orgánica 1/2015, do 30 de marzo, pola que se modifica o Código Penal.

Na súa inauguración participaron a directora da EGAP Sonia Rodríguez-Campos; o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes; e o fiscal e coordinador do curso, Antonio Roma.

Durante o acto, a directora da Escola destacou a importancia do curso e das materias que se van tratar nel. “As enquisas do CIS máis recentes insisten en sinalar a corrupción e a fraude como un dos principais problemas que existen en España e as alusións a estes feitos nos medios de comunicación son continuas, de xeito que é evidente a necesidade de medidas eficaces para erradicar malas prácticas e procurar un cambio ineludible e demandado de xeito crecente pola sociedade”.

Neste sentido, Rodríguez-Campos subliñou que o curso ten como obxectivo principal “servir de base para previr a comisión de delitos na xestión pública mediante a análise, o estudo e o debate das recentes reformas do Código Penal, así como das vías das que xa dispomos para evitar e perseguir a delincuencia ao carón dunha xurisprudencia evolutiva”.

A directora apuntou que para este curso “escollemos un formato novidoso que, sen desdeñar a conferencia tradicional, ao longo de tres tardes pretende suscitar o debate mediante intervencións curtas sobre as cuestións máis significativas”.

Nesta liña, o programa desenvolverase mediante mesas redondas coa finalidade de que xurda un diálogo activo entre os relatores e os asistentes sobre temas relacionados coa fraude na contratación pública, a investigación dos delitos ou o tratamento informativo das causas de corrupción, entre outros.

Loita contra a prevaricación
Pola súa banda, o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, falou na súa intervención do delito de prevaricación administrativa e das recentes modificacións introducidas no Código Penal para reforzar a loita contra a corrupción na Administración. Entre elas referiuse á limitación da liberdade condicional e concretamente da súa denegación no caso de que a persoa condenada non repare o dano económico ou cando eluda o cumprimento das responsabilidades pecuniarias.

Outras innovacións relevantes das que falou Suanzes no seu relatorio foron a elevación das condenas previstas para o delito de prevaricación de nove a quince anos, a ampliación dos prazos de prescrición nos suposto máis graves e a introdución de medidas contra o financiamento ilegal dos partidos, que ata agora non se contemplaban no Código Penal.

O curso continuou cunha mesa redonda sobre ‘A xestión de fondos públicos’ na que participaron a interventora xeral da Xunta de Galicia, Almudena Chacón Pichel, o catedrático de Dereito procesual da Universidade de Santiago, Agustín Pérez-Cruz, e o fiscal xefe de Lugo, Roberto Brezmes Caramanzana.

De seguido houbo outra mesa redonda dedicada a ‘As relacións desde a Administración’ na que interviñeron o vicesecretario xeral da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, Joaquín Macho Canales, o fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado Ayuso, e o fiscal Antonio Roma.

O monográfico sobre as ‘Medidas para previr a comisión de delitos no ámbito administrativo’ completarase con dúas xornadas formativas que terán lugar os días 20 e 27 de outubro.